Seleccionar página

Os alumnos do IES Terra do Xallas de Santa Comba gravan a curtametraxe Metamorfose no instituto

Logo de preto de 3 meses de formación do Curso Produción de Curtametraxes que impartimos no IES Terra do Xallas ós alumnos e alumnas de 4º da ESO da asignatura de audiovisual, coordinados por Cristina Durán e solicitado polo Grupo Informal Xalleiros polo Audiovisual, este grupo de rapaces e rapazas levaron a cabo a rodaxe da súa obra audiovisual titulada Metamorfose no instituto durante a xornada do luns 30 de xaneiro. Unha xornada intensa pero memorable, tanto para o alumnado como para os docentes Lois Blanco, Pablo Cacheda e Andrés Rozados. Co apoio de Tita F. Echevarría na maquillaxe, este grupo levou a cabo a gravación desta obra: unha historia que fala de desacougo, desamor e medo nun ambiente de zombis. Todos e cada un deles aprendeu o significado da produción dun proxecto destas características.

Os docentes: Lois Blanco, Óscar Cruz, Andrés Rozados e Pablo Cacheda

Comezamos en novembro impartindo o módulo de guión, no que os encargados eran Lois Blanco (escritor e dramaturgo e director de Fálame do silencio) e Óscar Cruz (guionista de El Comediante, El método Sueco e Peter Brandon). Coa súa titoría, confeccionaron e elaboraron o guión en 8 sesións, nas cales a súa vez, Lois Blanco formounos en interpretación e preparación actoral diante das cámaras. Posteriormente, Andrés Rozados introduciunos no mundo da produción, a través de proxectos audiovisuais profesionais onde elaboraron plan de produción, coñeceron os orzamentos, plans de rodaxe e organización dos roles audiovisuais. Finalmente, Pablo Cacheda explicoulles o proceso de realización, como desenvolver un proxecto e como se traduce o guión á linguaxe audiovisual.

Montaxe e making of en proceso

Tras recibir todos os brutos, o proceso de postprodución está en marcha, onde os alumnos verán o resultado do seu traballo nunha estrea no propio IES Terra do Xallas.