O actor e produtor prepara este monólogo íntimo no que desvela segredos da súa vida
- O xoves 15 de decembro na Sala Moon de Santiago de Compostela, Rubén Riós presenta este novo espectáculo ás 22.00h
- Tras presentar este novo formato en Melide e Allariz, Riós chega a Compostela para encher de humor a capital galega.
- Tras máis de dez anos de carreira profesional diante e detrás das cámaras, o artista ourensán presenta unha nova e rompedora proposta teatral en formato monólogo.
Hai uns anos, nunha pequena aldea do surleste de Galicia chamada Riós, nacía Rubén. Un rapaz que se criou nun ultramarinos e que soñaba de moi cativo con ser un titiriteiro. Anos máis tarde e tras ser protagonistas de filmes como Vilamor e Pradolongo e actuar en series de renome como Libro de familia, Matalobos, Piratas ou Urxencia Cero; Rubén Riós presenta un novo espectáculo no que o público asistente coñecerá de primeira man, as andanzas desde rapaz de aldea.
Rubén Riós estará co seu monólogo na Sala Moon de Santiago de Compostela
O xoves 15 de decembro ás 22.00h na Sala Moon de Santiago de Compostela, cidade onde Riós viviu e gravou gran parte das obras audiovisuais nas que participou, Rubén Riós presenta “Memorias dun neno… perdido”. Unha retrospectiva a todas as lembranzas dun rapaz que dende Riós, viaxou por toda Galicia coñecendo as súas xentes e singularidades e tamén tivo numerosas experiencias en países de todo o mundo, puidendo coñecer as diferenzas e peculiaridades de cada zona. “Levo anos preparando este espectáculo e querendo compartir con toda a xente as andanzas que me levaron a vivir tantas e tan dispares experiencias e acabar sendo un neno perdido que sempre acaba atopando o seu rumbo”, comenta Riós.
Próxima parada: Café Cultural Auriense de Ourense
Esta estrea será dobre xa que despois de Santiago de Compostela, visitará Ourense. O xoves 22 de decembro a partir das 21.30h estará no Café Cultural Auriense, onde proseguirá predicando as súas memorias e perdéndose por diferentes lares por Galicia.
As entradas para a súa actuación en Santiago de Compostela xa están á venda no Rock Café (República Arxentina, 35) a 3 € (anticipada) e 5 € en billeteira.
Este espectáculo é unha produción de Claqueta Coqueta, co apoio da Rede Galega de Música ó vivo de Agadic, o patrocinio de Castañam, Colegio Padre Feijoo-Zorelle, Bateamar e coa axencia de booking Abella Creativa.