Seleccionar página

Feminazi estará no marco das xornadas 25N Lalín

* Diana López Varela presenta esta obra transgresora e innovadora sobre a concepción absurda e ridícula do feminismo por parte de moitos homes dunha forma paródica e con toques de humor negro.
* O elenco artístico está formado polos ourensáns Fernando González e Laura Míguez, actores en series como Fontealba, Pazo de familia, Viradeira e membros da compañía teatral Il Maquinario.
* Este pase especial terá lugar na biblioteca municipal de Lalín, este sábado 24 de novembro ás 20.00h e estará aberto ao público con entrada gratuíta.

Feminazi é unha produción audiovisual dirixida pola guionista, escritora e bloguera Diana López Varela, quen se enfronta á súa primeira dirección dunha obra cinematográfica. Producida por Diana co apoio de Abella Creativa e Ladybug Films, o filme trata a historia de Rocío e Manu, unha parella de trinta anos que perden os seus días de vacacións tirados no sofá, vendo series e películas de forma compulsiva, devorando comida rápida e bebendo cervexa. Unha parella feliz co seu feliz can, Coco, ao que Rocío quere esterilizar en contra da vontade de Manu.

Un equipo técnico feminino para unha historia feminista

O pase especial será dentro das xornadas 25N Lalín, unha serie de eventos culturais que buscan promover a repulsa á violencia de xénero con música, arte, cinema e expresión oral. O pase contará coa presenza da directora Diana López Varela e de parte do equipo técnico, conformado case na súa totalidade por mulleres. ?Foi unha decisión que tomamos para reivindicar tamén a inxustiza e falta de oportunidades para as mulleres no campo audiovisual?, en palabras de Diana.

Quen é Diana López Varela?

En palabras da autora, Feminazi busca «plasmar unha parodia do feminismo conforme concíbeno (por desgraza) moitos homes e no que os prexuízos e o descoñecemento do movemento, fan ter unha idea tergiversada a moitas daquelas persoas que critican, valoran e xulgan a partir da súa ignorancia. Facémoslle unha pequena homenaxe a Kill Bill cun humor canalla e desenfadado«. Partindo da súa experiencia persoal como activista feminista Diana López xogou a crear ao pesadelo de calquera machirulo:a feminazi. Un ser mitológico profundamemte arraigado nesta sociedade hetropatriarcal que desprestixia constantemente ao principal movemento emancipador das mulleres. Fan do humor negro e da sátira como instrumentos de comicidade e reflexión, López crea a Rocío, unha muller farta do seu noivo e do machismo cotián que buscará axuda nun colectivo feminista. Ao final, esta tamén é a súa propia vinganza, a da autora e a das feministas que non queren pedir perdón por defender os seus dereitos e ameazan con tomar o poder por métodos moito máis drásticos. De momento é todo broma… Ou non.