ciclo de curtametraxes ficciónate illa pedra

O ciclo de curtametraxes Ficciónate presenta a súa segunda edición na Coruña


  • O xoves 6 de xullo ás 20.00h no Centro Ágora da Coruña preséntase Ficciónate, o primeiro ciclo de curtametraxes que busca amosar os traballos dos novos talentos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa.
  • No ciclo proxéctanse as obras Illa Pedra, Einstein-Rosen (Premio Mestre Mateo 2017 á Mellor Curtametraxe de Ficción), Curricán (Premio do Festival de Cans en 2015) e Superpunky, El Musical (apodado o “La la land galego”).
  • O ciclo percorrerá diferentes concellos de Galicia proxectando estas obras coa presenza de representantes de cada filme.
  • A Coruña é a segunda parada dun tour que percorrerá diferentes cidades e vilas galegas como Sarria, Malpica, Pontevedra, Oleiros e Fisterra entre outras
  • A entrada terá un custe de 3 € para o público xeral e 2€ para maiores de 65 anos e con carné xove. Posterior ás presentacións, haberá un aperitivo de produtos galegos.

O ciclo de curtametraxes Ficciónate chega á Coruña

O xoves 6 de xuño ás 20.00h no Centro Ágora da Coruña arrinca Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego. Catro curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Entre un total de 29 filmes candidatos na fase de presentación, foron seleccionadas 4 obras: Illa Pedra de Adriana Páramo, Einstein-Rosen de Olga Osorio, Curricán de Álvaro Gago e Superpunky, El Musical de Pablo Cacheda.
Na primeira edición deste ciclo, foron un total de 9 as localidades que acolleron as proxeccións das obras Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary. Estas curtametraxes viaxaron en 2016 a Illa de Arousa, Negreira, Sarria, Pontevedra, Ferrol, Santa Comba, Burela, San Sadurniño e A Coruña. Nesta nova edición, a Organización prevé que este número de concellos aumente e o ciclo continúe en expansión trala fantástica acollida na primeira edición.

Cinema e gastronomía: aperitivo con productos galegos

Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación. Para finalizar cada evento, haberá un aperitivo cortesía de Adega Terra Brava, Pazo de Anzuxao, Ingapan, Casa Neiras e Fontecelta.

Os filmes: Illa Pedra, Einstein-Rosen, Curricán e Superpunky El Musical

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Illa Pedra é unha curtametraxe de Adriana Páramo protagonizada por María Tasende e Nerea Barros que aborda o tema de emigración. Con tintes autobiográficos, a directora cóntanos a historia de Antía, quen deixa a súa terra e a súa mellor amiga Iria séntese traizoada.

Einstein-Rosen de Olga Osorio (premiada en diversos festivais e gañadora do Premio Mestre a mellor curtametraxe 2017) narra a historia de dous irmáns, que, no verán do ano 1982 aseguran atopar un buraco de verme. Pola súa banda, Curricán de Álvaro Gago, narra as aventuras de Xoan Curricán na mariñeira Vilanova de Arousa, a súa vinculación co mar e o quefacer diario dun rapaz de aldea co seu avó e irmán. E dado que este ano os musicais están en plena efervescencia grazas ó fenómeno “La la land”, o musical Superpunky pecha a selección desta nova edición de Ficciónate. Protagonizado por Antea Rodríguez e Sabela Arán e coas notas musicais dos grupos Priscila e Monoulious DOP. Unha selección diversa en canto a temática, xénero e concepto audiovisual.

As entradas para Ficciónate xa están á venda!

As entradas xa están á venda a través do despacho central de billetes da Praza de Ourense de A Coruña, no despacho de billetes do Centro Ágora e tamén televenda no teléfono 902 044 226 e vía online a través de Ticketea. O custe das entradas é de 2 € para maiores de 65 anos e mozos/as con carné xove e de 3 € para o público xeral.

Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa en coprodución con MT Producciones e coa colaboración de Adega Terra Brava, Pazo de Anzuxao, Ingapan, Casa Neiras e Fontecelta.

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *