Amaratón: a nova canle de Youtube sobre preparación deportiva de Maratón
Amador Pena, atleta do Clube Deportivo Vagalume de O Pino, presenta unha nova proposta de preparación física e deportiva moi anovadora e intensa: 10 semanas para preparar unha maratón, Amaratón.
Tras percorrer medias maratóns e carreiras de longa distancia por toda Galicia e toda España, Amador pescuda novos retos e quere compartilos con todos aqueles e aquelas que queiran levar a cabo unha preparación física e mental para un debut na distancia de maratón, como é o seu caso. Non busca conseguir marcas, si conseguir baixar das 2h e media de duración.
10 semanas: 10 vídeos explicativos sobre como prepararse correctamente
Esta campaña céntrase nos diferentes apartados que é necesario ter en conta de cara ó adestramento preciso para unha maratón (42 kms. de distancia), dende a nutrición (experto naturópata e fisioterapeuta), pasando pola estratexia e a preparación física, a crioterapia, o descanso ata o apoio familiar e dos nosos círculos cercanos.
Cada semana, un novo vídeo, este é o primeiro e dende Abella Creativa tivemos a oportunidade de realizar a edición e crear a identidade de marca Amaratón.