A segunda edición de Ficciónate presentouse hoxe
no Centro Galego das Artes da Imaxe
- Hoxe ás 11.30h no CGAI de A Coruña presentouse Ficciónate, o primeiro ciclo de cinema de curta duración que busca amosar os traballos dos novos talentos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa.
- No ciclo proxéctanse as obras Illa Pedra, Einstein-Rosen (Premio Mestre Mateo 2017 á Mellor Curtametraxe de Ficción), Curricán (Premio do Festival de Cans en 2015) e Superpunky, El Musical (apodado o “La la land galego”).
- A Illa de Arousa é a primeira parada este venres 31 de marzo ás 20.00h, dun tour que percorrerá diferentes cidades e vilas galegas.
- O ciclo chegará a Coruña o vindeiro 5 de maio no Centro Ágora.
- Posterior ás presentacións, haberá un aperitivo de produtos galegos.
Arrancou Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego. Catro curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Entre un total de 29 filmes candidatos na fase de presentación, foron seleccionadas 4 obras: Illa Pedra de Adriana Páramo, Einstein-Rosen de Olga Osorio, Curricán de Álvaro Gago e Superpunky, El Musical de Pablo Cacheda.
A Primeira Edición de Ficciónate contou cos filmes Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary
Na primeira edición deste ciclo, foron un total de 9 as localidades que acolleron as proxeccións das obras Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary. Estas curtametraxes viaxaron en 2016 a Illa de Arousa, Negreira, Sarria, Pontevedra, Ferrol, Santa Comba, Burela, San Sadurniño e A Coruña. Nesta nova edición, a Organización prevé que este número de concellos aumente e o ciclo continúe en expansión trala fantástica acollida na primeira edición.
Primeira parada de Ficciónate: venres 31 de marzo ás 20.00h na Illa de Arousa
A segunda edición dará o pistoletazo de saída este venres 31 de marzo ás 20.00h no Auditorio da Illa de Arousa. Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación. Para finalizar cada evento, haberá un aperitivo cortesía de Adega Terra Brava, Pazo de Anzuxao, Ingapan, Casa Neiras e Fontecelta.
Illa Pedra de Adriana Páramo
Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Illa Pedra é unha curtametraxe de Adriana Páramo protagonizada por María Tasende e Nerea Barros que aborda o tema de emigración. Con tintes autobiográficos, a directora cóntanos a historia de Antía, quen deixa a súa terra e a súa mellor amiga Iria séntese traizoada. Durante a presentación, Lara Dopazo (poetisa), explicou como xurdiu a idea de comezar a gravar esta historia, como traballo de Adriana Páramo para a fin de ciclo na London Film School. “Agasalleille o meu libro de poemas, e comezou a escribir o guión”. Pola súa banda, a actriz Lucía Regueiro, expresou a súa ledicia por ver que curtametraxes feitas con tanto agarimo teñan o seu espazo neste ciclo, destacando tamén a labor das mulleres e a importancia das mulleres no audiovisual e augurando unha “longa vida” a Ficciónate.
Einstein-Rosen de Adriana Páramo
Einstein-Rosen de Olga Osorio (premiada en diversos festivais e gañadora do Premio Mestre a mellor curtametraxe 2017) narra a historia de dous irmáns, que, no verán do ano 1982 aseguran atopar un buraco de verme. A directora Olga Osorio comentou que nun comezo, tratábase de “facer unha rodaxe cos meus fillos para que coñecesen o eido audiovisual”. O proxecto foi crecendo ata que tras varios meses de ensaios e preparación das personaxes, os protagonistas desta historia están arrasando por festivais e certames do todo o mundo, ainda que Olga Osorio asegurou que “alégrome moito de que grazas a este ciclo, Einstein-Rosen poda verse en Galicia”.
Curricán de Álvaro Gago
Pola súa banda, Curricán de Álvaro Gago, narra as aventuras de Xoan Curricán na mariñeira Vilanova de Arousa, a súa vinculación co mar e o quefacer diario dun rapaz de aldea co seu avó e irmán. Na presentación, o produtor do filme Alberto Gago, comentou da fascinación, da esixencia e das peculiaridades que supón producir unha obra audiovisual e agradeceu a participación deste filme no ciclo, seleccionada entre preto de 30 candidaturas.
Superpunky, el Musical de Pablo Cacheda
E dado que este ano os musicais están en plena efervescencia grazas ó fenómeno “La la land”, o musical Superpunky pecha a selección desta nova edición de Ficciónate. Protagonizado por Antea Rodríguez e Sabela Arán e coas notas musicais dos grupos Priscila e Monoulious DOP. O director Pablo Cacheda, compartiu a experiencia e o especial de realizar un musical, coa complexidade técnica e de realización e instou a que as curtametraxes han de ter o seu espazo, e que iniciativas coma esta fan que as curtametraxes teñan cabida nas salas e auditorios de Galicia. Unha selección diversa en canto a temática, xénero e concepto audiovisual.
Do equipo de Ficciónate, Andrés Rozados, agradeceu todo o apoio recibido tanto polos colaboradores, os creadores e cineastas e os seus compañeiros do equipo de Organización, Olalla Diéguez, Miguel Díaz e Lois Blanco, recoñecendo que “tivemos un proceso de selección moi complicado pero apaixoante para conformar un ciclo de 4 filmes audiovisuais atractivos, didácticos e que cheguen a todos os públicos”.
Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa en coprodución con MT Producciones e coa colaboración de Adega Terra Brava, Pazo de Anzuxao, Ingapan, Casa Neiras e Fontecelta.