Música e humor da man destas dúas producións galegas no Matadoiro Compostela
Superpunky «O Musical» e Dalle Jas «a webserie» están do trinque en Santiago no Matadoiro Compostela
-
O director pontevedrés Pablo Cacheda presenta un novo proxecto audiovisual en Santiago de Compostela, tras o éxito de «Clases do social, a webserie».
-
Por outra banda, Triatreros e Audiobeesual presentan a 2ª tempada de «Dalle jas», road-movie de humor.
-
O evento terá lugar este venres 10 de febreiro ás 20.30h no Matadoiro Compostela
Superpunky visita Santiago de Compostela na súa xira acompañado de Dalle jas
Este venres ás 20.30h no Matadoiro Compostela de Santiago, terá lugar a proxección da obra musical «Superpunky«, coa presenza dos principais actores protagonistas, o director da obra Pablo Cacheda e numerosas personalidades do panorama audiovisual galego. Nesta ocasión, esta obra estará acompañada da webserie Dalle jas, unha comedia ao máis puro estilo road-movie que presentará os dous primeiros capítulos da súa 2ª tempada.
Éxito e proxecto pioneiro na presentación deste musical galego
Tras o éxito de dúas tempadas da webserie «Clases do social«, co nomeamento aos Premios Mestre Mateo e o Premio do Público do Festival Carballo Interplay, o realizador pontevedrés Pablo Cacheda estrea novo proxecto audiovisual. Superpunky é un musical que conta a historia de dúas amigas, Belén e Rebeca que son íntimas desde pequenas. Ambas comparten os mesmos gustos musicais, pero cando van á universidade os seus gustos musicais sepáranse e comezan a aparecer os conflitos. Entre estes conflitos aparecerá Quique, un antigo, neno prodixio e actual cantautor maldito. Un concerto de Quique, varios anos despois de separarse do seu grupo, servirá de eixo da historia.

Dalle jas, a webserie de humor do momento
Pola súa banda, Dalle jas – nomeada aos Premios Mestre Mateo 2015 como mellor webserie- continúa o seu periplo de presentacións en eventos tras a súa estrea en Vigo e o lanzamento da segunda tempada na rede. Esta comedia narra a historia de cinco acodes descoñecidas e moi diferentes que se xuntan para facer unha viaxe por medio dunha páxina web para compartir coche. Un percorrido que os levará non só a coñecerse, se non tamén a descubrir novas realidades.