Seleccionar página

Verbas de pedra preséntase como proxecto audiovisual para 2017

Segundo Encontro entre creadores e produtores de Galicia e resto de España

Conecta+ é unha ferramenta para poñer en contacto a creadores galegos -con proxectos en fase de desenvolvemento-, con produtores (tanto galegos coma do resto España) que poidan estar interesados en desenvolver eses proxectos.

Unha vía de xerar sinerxia no audiovisual galego

Conecta+ nace coa vontade crear un punto de encontro entre produtores e promotores de produtos audiovisuais e creadores audiovisuais que teñan obras en fase de desenvolvemento ou preprodución. O obxectivo é consolidar as relacións entre diferentes entes e axentes involucrados no proceso de produción audiovisual para poder levar a cabo a creación e desenvolvemento de novas obras.

Verbas de pedra: un documental sobre a lingua dos canteiros

Verbas de pedra é un proxecto documental de Xavier Leiro que narra a historia do verbo: unha lingua esquecida e case desaparecida dos canteiros da zona de Terra de Montes e Tabeirós, no centro da comunidade galega.
O proxecto nace hai uns anos, cando Xavier Leiro descobre esta xerga grazas a uns veciños, maiores, que estiveron en contacto con canteiros da zona de Terra de Montes.
É moi curioso, xa que estes veciños non traballaban a pedra, pero si sabían o verbo. Un deles era ferreiro, polo tanto os canteiros ían onda el a apuntar a ferramenta. O outro era o dono da taberna, lugar onde sempre paraban os traballadores ao fin da xornada.
É así como nace o interese por este tema. Comeza unha labor de investigación e dáse conta de que o verbo, a fala, desaparece. Só os maiores a saben, os cales pouco a pouco van morrendo, e os canteiros novos non a utilizan nin a practican, polo que a súa perda é irremediable.

Este proxecto está en fase de desenvolvemento. Unha produción de Abella Creativa e Volvemos a Primera.