Seleccionar página

Bibiano Morón, compañeiro e amigo, promotor de eventos e ex de Voces Ceibes

A verdade, un shock esta nova. Levantarse pola mañá, un novo día con milleiros de cousas nas que pensar e que facer. De súpeto, unha nova que lemos nas redes sociais. Deixamos de pensar en todo o que estaba na nosa mente. Foise Bibiano. Un amigo, un compañeiro e aquel que tanto compartiu e ensinou nos primeiros eventos que organizabamos. Ledicia das lembranzas, tristura por saber que non haberá novas aventuras musicais ó seu carón. Un artista todoterreo que endexamais deixou a música. Un artesán na organización de eventos. Un tipo que como se soe dicir: «sabíaas todas».

Atrás foron concertos como os de Luis Emilio Batallán, Carlos Jean, María de Medeiros ou Amancio Prada, ademais de xuntanzas para organizar macrofestivais e grandes festas en Compostela. Moito traballo xuntos, moitas historias compartidas. Tensións, nervios e queixas pero tamén apertas, risas e anécdotas. Un tipo que non se daba por vencido e o que saía da súa boca era: «Vas ben chaval, tranquilo, sairá». Nunca se quedou sen folgos. As festas de Nadal sempre son importantes para el. Soía ser: «Falamos a partir do 10 de xaneiro, disfrutemos do Nadal».

No medio dun concerto, comprobar que todo estaba en orde e confiar plenamente na labor do road manager. Un mestre no arte da negociación e da oratoria, que sacaba un sorriso ata a persoa máis sosa e siesa e ademais, sempre chiscando un ollo, coa complicidade de que todo ía saír ben. Lembro con agarimo o seu primeiro agasallo, no primeiro evento que compartimos: «Un bo manager sempre ha de ter unha destas consigo, non a perdas, lévaa a todos os eventos. A luz non se debe apagar nunca». Esa lanterna fica comigo e comigo ficará sempre.

Amigo Bibiano, chegaremos ó mar. Grazas por tantas ensinanzas e momentos compartidos.

Andrés Rozados