Seleccionar página

Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary son as catro obras que se exhibirán a véspera de fin de ano na Casa da Cultura de San Sadurniño

  • O venres 30 de decembro ás 20.00h na Casa da Cultura de San Sadurniño, preséntase Ficciónate, o primeiro ciclo de cinema de curta duración que busca amosar os traballos dos novos talentos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa.
  • Neste ciclo, proxéctanse as obras Rancor (vencedora da Semana Internacional de Cine de Lugo), El Comediante (dos creadores da exitosa webserie El Método Sueco), Fálame do silencio (seleccionada no Short Films from Galicia para mercados internacionais) e Unary (gañadora do Premio Mestre Mateo en 2015).
  • Trala proxección, os representantes de cada filme, manterán unha charla aberta co público asistente e unha tertulia que analizará a actualidade do sector.
  • San Sadurniño é a novena parada deste ciclo, tras ser presentado na Illa de Arousa, Negreira, Pontevedra, Sarria, Ferrol, Burela, Santa Comba e A Coruña e os próximos destinos serán Mera e Ribadeo entre outros.
  • A entrada é libre ata completar aforo.

 

O venres 30 de decembro ás 20.00h na Casa da Cultura de San Sadurniño, preséntase Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego. Catro curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos dous anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Rancor de Miguel Morales, El Comediante de Óscar Cruz, Fálame do silencio de Lois Blanco e Unary de Luis Avilés proxectaranse na vila da Mariña lucense, tras visitar o Auditorio da Illa de Arousa, Casa da Cultura de Negreira, O Museo de Pontevedra, a Praza da vila de Sarria e o Cantón de Ferrol, o Auditorio de Burela, o Multiusos Terra de Xallas de Santa Comba, a Fundación Luis Seoane e tendo coma seguinte destino a Casa de Cultura de San Sadurniño.

 

Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación.

As obras audiovisuais: Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Rancor é a historia de Teo, un rapaz que durante a súa infancia, sofre o maltrato, a desidia e a vexación de mans do seu pai, tendo a súa nai enferma. O pasado sempre volve, e despois de graduarse nos seus estudios, volve ver ao seu pai logo de pasar moitos anos atrás.

Tras este drama, os espectadores disfrutarán do humor de El Comediante, a historia de Óscar, un rapaz que intenta traballar no mundo do humor facendo monólogos e atopa nas pantasmas do pasado, unha fonte de inspiración, ademais de vivir diferentes aventuras e desventuras que o axudan a construir o seu texto. Tratando temas de actualidade, ante a dificultade da xuventude de non atopar saída ante os problemas laborais e persoais, enténdese o contexto de Fálame do silencio, unha reflexión sobre unha situación xeracional, da preocupación de “non ver saída”, da frustración de buscar unha estabilidade e non saber ou non poder conseguila. Por último, a laureada Unary, trata sobre o primeiro día de liberdade de Lucas. Despois de 21 anos en prisión, Lucas enfróntase a un mundo que non coñece, a unha nova vida. Lucas está marcado por unhas rutinas, uns horarios, unha contorna e uns pensamentos que non poderá manter fóra de prisión.

 

En resumo, para Andrés Rozados de Abella Creativa, “Estamos encantados de participar en proxectos destas características. Ficciónate nace da necesidade de prantexar un circuíto alternativo aos festivais e certames habituais, cunha orientación didáctica, instructiva e con vocación cooperativa. A posibilidade de chegar a localidades como San Sadurniño énchenos de orgullo, porque as zonas do rural galego tamén merecen a posibilidade de contar con propostas innovadoras neste aspecto”. Ficciónate uniu a Abella Creativa con Condetrespés, MT Producciones, Pixel Films e Porco Bravú e o apoio do Concello de San Sadurniño.