Seleccionar página

O primeiro documental da serie versará sobre o Entroido do Concello de Laza

  • O Entroido de Laza será o protagonista do primeiro documental dunha serie sobre as celebracións galegas.
  • O proxecto atópase en fase de postprodución e está desenvolto polas produtoras Ces Media e Abella Creativa
  • Entroidar conta cunha campaña de micromecenazgo en Verkami para recadar fondos e finalizar coa edición do proxecto.
    Trátase dun proxecto transmedia que abarcará audiovisual, internet e distribución en festivais.

Como naceu Entroidar?

Temos que remontarnos a decembro de 2017 cando o cineasta Pablo Ces (documentalista con títulos como Torreiros e As silenciadas) coñece a Jacobo García (lazán, peliqueiro e entroideiro) e ambos comezan a tratar a posibilidade de realizar un documental sobre o Entroido de Laza. Durante o Entroido 2018, Pablo foise enchoupando da cultura, as tradicións, os ritos e as personaxes que fan que esta celebración sexa tan representativa e ancestral na vila de Laza. De aí xurdeu o xerme do proxecto Entroidar, unha serie documental que realizará un percorrido polos diferentes entroidos galegos, partindo do entroido lazán.

A campaña de Verkami: Como se financia Entroidar?

Posteriormente, Pablo Ces contactou con Abella Creativa e comezaron a fiar a coprodución para levar a cabo a rodaxe durante este ano. Actualmente, o proxecto atópase en fase de postprodución, con dúas xornadas de rodaxe pendentes de concretarse e na búsqueda de financiamento para conseguir os recursos suficientes para finalizar o proxecto con solvencia económica. Por elo, ambas produtoras decidiron poñer en marcha unha campaña de crowdfunding a través de Verkami, campaña que en soamente 10 días xa acadou máis do 30% do obxectivo económico.
O documental amosa non soamente a celebración dende o punto de vista do visitante, senón todo o que supón para os entroideiros prepararse para estes días: os adestramentos dos peliqueiros, o traballo dos artesáns e os xastres, os ritos, poñerse o peliqueiro, as bicas e o xastré e os momentos familiares.
Este proxecto audiovisual ten prevista a súa estrea a finais do presente ano e contará tamén cun portal web no que haberá contidos extra para todos aqueles interesados en ampliar información.