Seleccionar página

As ourensáns Laura Míguez e Fernando González son as protagonistas de “Feminazi”, presente nesta edición do OUFF

* Diana López Varela presenta esta obra transgresora e innovadora sobre a concepción absurda e ridícula do feminismo por parte de moitos homes dunha forma paródica e con toques de humor negro.
* O elenco artístico está formado polos ourensáns Fernando González e Laura Míguez, actores en series como Fontealba, Pazo de familia, Viradeira e membros da compañía teatral Il Maquinario.
* A curtametraxe contará con varios pases no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Deputación de Ourense): venres 30 ás 18.00h, sábado 1 ás 20.30h e luns 3 de decembro ás 18.00h no marco do OUFF
Feminazi é unha produción audiovisual dirixida pola guionista, escritora e blogueira Diana López Varela, quen se enfrontou á súa primeira dirección dunha obra cinematográfica. Producida por Diana co apoio de Abella Creativa e Ladybug Films, o filme trata a historia de Rocío e Manu, unha parella de trinta anos que perden os seus días de vacacións tirados no sofá, vendo series e películas de forma compulsiva, devorando comida rápida e bebendo cervexa. Unha parella feliz co seu feliz can, Coco, ao que Rocío quere esterilizar en contra da vontade de Manu.

Un equipo técnico feminino para unha historia feminista

A curtametraxe chega a Ourense tralo seu paso por Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela e Lalín e no pase do sábado contará coa presenza da directora Diana López Varela e dos actores do filme Laura Míguez e Fernando González. O equipo técnico, en palabras da propia Diana, está conformado case na súa totalidade por mulleres. “Foi unha decisión que tomamos para reivindicar o papel das mulleres profesionais no mundo audiovisual, moito máis invisibilizadas que os homes”, en palabras de Diana.

Feminazi e Memorias dun home en pixama

Diana López estará acompañada tamén do seu produtor asociado Anxo da Cruz, con quen ademais presentará “Memorias dun home en pixama”, película na que ambos foron guionistas da longametraxe.
Laura e Fernando, os actores protagonistas, estiveron inmersos na rodaxe en dúas intensísimas xornadas nas que tiveron que facer fronte a grandes altibaixos e, sobre todo, porse no papel dun machirulo e dunha feminazi. Os dous actores ourensáns afirman que o pasaron en grande durante a gravación.
Diana López busca presentar unha historia que narra unha relación de parella na que Rocío, despois de lembrarlle a Manu (o seu mozo), as responsabilidades que teñen en común acode a unha reunión feminista. A partir dunha discusión entre ambos, os feitos que van acaecendo fan que a situación se volva máis e máis rocambolesca. Feminazi é unha parodia da concepción do feminismo que teñen moitos homes e no que os prexuízos e o descoñecemento, fan ter unha idea terxiversada coa que xulgan a partir da súa ignorancia. Partindo da súa experiencia persoal como activista feminista, Diana López xogou a crear o pesadelo de calquera machirulo: unha feminazi. “Un ser mitológico profundamente arraigado nesta sociedade hetero-patriarcal que tenta desprestixiar constantemente ao principal movemento emancipador das mulleres.” Fan do humor negro e da sátira como instrumentos de comedia e reflexión, López crea a Rocío, unha muller farta do seu noivo e do machismo cotián, quen buscará axuda nunha asociación feminista. Ó final, esta tamén é a súa propia vinganza, a da autora e a das feministas que non queren pedir perdón por defender os seus dereitos e ameazan con tomar o poder por métodos moito máis drásticos. De momento é todo broma… ou non.