Seleccionar página

Volve Ficciónate a encher de cinema a cidade da Coruña

  • Este domingo 29 de abril ás 19.00h en La Salita de Juegos, local de ocio da Coruña preséntase a III edición de Ficciónate, o primeiro ciclo itinerante de cinema de curta duración que busca amosar os traballos de directoras e directores galegos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa.
  • No ciclo proxéctanse Lurna (premiada en ducias de festivais internacionais), Quinta Provincia (ópera prima do actor Miguel Canalejo), Matria (Gran Premio do Público no Festival Internacional de Sundance entre outro centenar de seleccións e unha ducia de premios, incluído o Mestre Mateo), Zugzwang (curtametraxe de Diego Markwalder Gato da Escola de Imaxe e Son de Vigo) e Perversa Lola (da polifacética artista Sonia Méndez, directora do Festival Carballo Interplay).
  • A Coruña é a segunda parada dun tour que percorrerá diferentes cidades e vilas galegas.
  • A entrada terá un custe de 2 € e posterior ás presentacións, haberá coloquio cos representantes dos filmes.

Segundo pase de Ficciónate nesta terceira edición

O domigno 29 de abril ás 19.00h en La Salita de Juegos da Coruña, o cinema está de celebración con Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por  talentos do audiovisual galego. Cinco curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Entre ducias de filmes candidatos na fase de presentación, foron seleccionadas 5 obras: Lurna (Nani Matos), Quinta Provincia (Miguel Canalejo), Matria (Álvaro Gago), Zugzwang (Diego Markwalder Gato) e Perversa Lola (Sonia Méndez).

Retrospectiva: tres anos de cinema, tres anos de curtametraxe galega

Na primeira edición deste ciclo, foron un total de 9 as localidades que acolleron as proxeccións das obras Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary. Estas curtametraxes viaxaron en 2016 a Illa de Arousa, Negreira, Sarria, Pontevedra, Ferrol, Santa Comba, Burela, San Sadurniño e A Coruña. Na segunda edición, catro novos filmes percorreron Galicia: Illa Pedra, Curricán, Einstein-Rosen e Superpunky: el musical;  incorporando novos lugares como Melide, O Porriño, Santiago de Compostela, Vigo, Ribadoe e Marín. Nesta nova edición, a Organización prevé que este número de concellos aumente e o ciclo continúe en expansión trala fantástica acollida na primeira edición.

A súa vez, este ano o ciclo presentará dúas novidades:
* Presentacións e coloquios en centros de formación de audiovisuais en Galicia.
* Presentacións e proxeccións de cinema galego alén das nosas fronteiras, realizando pases a nivel estatal e internacional.

Os filmes tratan temáticas dispares e moi diversas. Lurna de Nani Matos, conta a historia dunha moza africana que soña cunha vida mellor, pero descoñece ó que se vai ter que enfrontar, un drama con toques de acción trepidante que fala do mundo da trata de mulleres. Nani Matos, o seu director, destacou a complexidade da rodaxe e a enorme colaboración das asociacións africanas en Galicia. Dun drama, viaxamos á Quinta Provincia. Para moitos é O Bierzo, para outros Asturias, pero nesta ocasión, falamos da capital: Madrid. Catro espazos dos máis concorridos de Madrid, son ocupados durante uns minutos por catro actores galegos (Sheyla Fariña, Miguel Ángel Blanco, Raquel Espada e Miguel Canalejo) que nos falan da súa estadía na cidade. O director e actor destaca: “quixen facer un retrato caricaturesco do día a día dun actor que se enfrenta á dificultade de optar por un papel, partindo dunha gran cidade”. Da capital viaxamos a terras arousans, onde Ramona vive co seu marido, con quen apenas se comunica, e traballa nunha fábrica de conservas gobernada por unha encargada tirana. Esta é a historia de Matria, de Álvaro Gago. Vencedora en multitude de festivais e gañadora do Premio do Público do Festival de Sundance, a primeira curtametraxe galega e en galego en logralo. O director Álvaro Gago afirma estar dixerindo o éxito de Matria e declara que se trata “dunha reivindicación do falso mito do matriarcado en Galicia, e a importancia da vida e exemplo de mulleres como Ramona”.
Por primeira vez neste certame, unha curtametraxe de escola está dentro da selección oficial. É o caso de Zugzwang de Diego Markwalder Gato e a Escola de Imaxe e Son de Vigo. Denomínase “Zugzwang” a esa posición no xogo do xadrez na que calquera movemento que decidas realizar suporía empeorar a túa situación e, eventualmente, perder a partida… polo que sería mellor non facer nada. “É un enorme pracer formar parte desta selección de curtas xunto con directores tan experimentados”.
Por último, a cineasta Sonia Méndez, participa nesta edición coa súa ópera prima: Perversa Lola. Esta cinta narra a historia de Lola, quen leva meses separada da súa parella. Desde entón dedícase a seguilo aos moteis onde el se deita con outras mulleres. Sonia destaca sobre todo “a ledicia de ver como a miña ópera prima volta ás pantallas de cinema tras habela rodado varios anos atrás”. Humor mesturado co drama dunha realidade dun desengano e a ruptura dunha parella.
Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa en coprodución con MT Producciones.