Seleccionar página

Chega a terceira edición do ciclo de cinema galego Ficciónate

  • Este mércores 28 de marzo ás 12.00h na Fundación SGAE de Santiago de Compostela preséntase Ficciónate, o primeiro ciclo de cinema de curta duración que busca amosar os traballos dos novos talentos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa.
  • No ciclo proxéctanse Lurna (premiada e seleccionada en ducias de festivais internacionais), Quinta Provincia (ópera prima do actor Miguel Canalejo), Matria (Premio do Público no Festival Internacional de Sundance e ducias de seleccións en festivais), Zugzwang (curtametraxe de Diego Markwalder Gato da Escola de Imaxe e Son de Vigo) e Perversa Lola (da polifacética artista Sonia Méndez, directora do Festival Carballo Interplay).
  • O ciclo percorrerá diferentes concellos de Galicia proxectando estas obras coa presenza de representantes de cada filme.
  • A Illa de Arousa é a primeira parada o vindeiro sábado 7 de abril ás 20.00h, dun tour que percorrerá diferentes cidades e vilas galegas.
  • Posterior ás presentacións, haberá coloquio cos representantes dos filmes.

Presentación oficial do III Ficciónate: Mércores 28 de marzo

O mércores 28 de marzo ás 12.00h na Fundación SGAE de Santiago de Compostela dá comezo unha nova edición de Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego. Cinco curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Nesta terceira edición, O Xurado conformado polos directores Pablo Cacheda e Adriana Páramo e os produtores e organizadores Miguel Díaz e Andrés Rozados, decidiron realizar unha selección de cinco curtametraxes: Lurna de Nani Matos, Quinta Provincia de Miguel Canalejo, Matria de Álvaro Gago, Zugzwang de Diego Markwalder Gato e Perversa Lola de Sonia Méndez.

Tres anos de cinema itinerante por Galicia adiante

Son xa tres anos de historia desta iniciativa de cinema itinerante por Galicia. Na primeira edición deste ciclo, foron un total de 9 as localidades que acolleron as proxeccións das obras Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary.
Estas curtametraxes viaxaron en 2016 a Illa de Arousa, Negreira, Sarria, Pontevedra, Ferrol, Santa Comba, Burela, San Sadurniño e A Coruña. Na segunda edición, catro novos filmes percorreron Galicia: Illa Pedra, Curricán, Einstein-Rosen e Superpunky: el musical;  incorporando novos lugares como Melide, O Porriño, Santiago de Compostela, Vigo, Ribadoe e Marín. Nesta nova edición, a Organización prevé que este número de concellos aumente e o ciclo continúe en expansión trala fantástica acollida na primeira edición. A súa vez, este ano o ciclo presentará dúas novidades:
* Presentacións e coloquios en centros de formación de audiovisuais en Galicia.
* Presentacións e proxeccións de cinema galego alén das nosas fronteiras, realizando pases a nivel estatal e internacional.

A terceira edición: selección oficial de filmes

A terceira edición dará o pistoletazo de saída o vindeiro sábado 7 de abril ás 20.00h no Auditorio da Illa de Arousa. Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación.

Os filmes tratan temáticas dispares e moi diversas. Lurna de Nani Matos, conta a historia dunha moza africana que soña cunha vida mellor, pero descoñece ó que se vai ter que enfrontar, un drama con toques de acción trepidante que fala do mundo da trata de mulleres. Dun drama, viaxamos á Quinta Provincia. Para moitos é O Bierzo, para outros Asturias, pero nesta ocasión, falamos da capital: Madrid. Catro espazos dos máis concorridos de Madrid, son ocupados durante uns minutos por catro actores galegos (Sheyla Fariña, Miguel Ángel Blanco, Raquel Espada e Miguel Canalejo) que nos falan da súa estadía na cidade. Da capital viaxamos a terras arousans, onde Ramona vive co seu marido, con quen apenas se comunica, e traballa nunha fábrica de conservas gobernada por unha encargada tirana. Esta é a historia de Matria, de Álvaro Gago. Vencedora en multitude de festivais e gañadora do Gran Premio do Xurado do Festival de Sundance, a primeira curtametraxe galega e en galego en logralo.
Por primeira vez neste certame, unha curtametraxe de escola está dentro da selección oficial. É o caso de Zugzwang de Diego Markwalder Gato e a Escola de Imaxe e Son de Vigo. Denomínase “Zugzwang” a esa posición no xogo do xadrez na que calquera movemento que decidas realizar suporía empeorar a túa situación e, eventualmente, perder a partida… polo que sería mellor non facer nada. Por último, a cineasta Sonia Méndez, participa nesta edición coa súa ópera prima: Perversa Lola. Esta cinta narra a historia de Lola, quen leva meses separada da súa parella. Desde entón dedícase a seguilo aos moteis onde el se deita con outras mulleres. Humor mesturado co drama dunha realidade dun desengano e a ruptura dunha parella.

Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa e MT Producciones coa colaboración de Nani Matos Producciones, Audiobeesual, Sombriza Films, Escola de Imaxe e Son de Vigo e Cósmica Producciones.