Seleccionar página

Terceira edición de Ficciónate e curtametraxes de todos os estilos.

Nesta terceira edición de Ficciónate, a primeira na que se abriu convocatoria de recepción de obras, foron un total de 18, os filmes presentados para realizar a selección oficial. A pesar de recibir unha cantidade menor de filmes, nesta ocasión levouse a cabo cun Xurado conformado por directores da pasada edición, o que ofreceu un novo proceso de selección e diferentes puntos de vista e criterios de valoración. O duro proceso de selección levou a ter que ampliar o espectro e realizar un ciclo con 5 curtametraxes en lugar de 4. Directores noveis e cineastas experimentados así como recoñecidas caras na interpretación dentro do panorama audiovisual galego e nacional.

O Xurado determinou que as 5 obras seleccionadas para 2018 sexan:

Matria

Álvaro Gago. Sombriza Films. 2017

Sinopse: Ramona vive co seu marido, con quen apenas se comunica, e traballa nunha fábrica de conservas gobernada por unha encargada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que lle une á súa filla e a súa neta.

Quinta Provincia

Miguel Canalejo. Audiobeesual. 2016

Sinopse: Catro espazos dos máis concorridos de Madrid, son ocupados durante uns minutos por catro actores galegos que nos falan da súa estadía na cidade.

Quinta-Provincia-Miguel-Canalejo

Perversa Lola

Sonia Méndez. 2008.

Sinopse: Lola leva meses separada da súa parella. Desde entón dedícase a seguilo aos moteles onde el se deita con outras mulleres. Cando el lle esixe que deixe de seguilo porque coñeceu a unha muller coa que vai en serio Lola non quere aceptar esta realidade. Entón decide facer algo para acabar co estraño xogo: Lola pídelle que a mate.

Perversa Lola. De Sonia Méndez

Perversa Lola. De Sonia Méndez

Lurna

Nani Matos. 2016

Sinopse: Lurna é unha moza africana que soña cunha vida mellor. Un día emprenderá unha viaxe coa ilusión e a esperanza de atopar un soño. O que Lurna non sabe é que pronto desexará voltar.

Zugzwang

Diego Markwalder Gato. Escola de Imaxe e Son de Vigo (EISV). 2017

Sinopse: Denomínase «Zugzwang» a esa posición no xogo do xadrez na que calquera movemento que decidas realizar suporía empeorar a túa situación e, eventualmente, perder a partida… polo que sería mellor non facer nada.
Esta é a idea na que Bruno basea a súa vida, usándoa como escusa para vivir á marxe de toda responsabilidade ante o que lle rodea. Ata o momento no que ve a Nerea por primeira vez. Agora Bruno sabe que o verdadeiro erro sería non facer nada. Pero despois de toda unha vida sen tomar unha soa decisión… Como tomar a que pode ser a máis importante?

Zuzgwang-EISV-Vigo

O Xurado quere destacar a dificultade de escolla dos 5 filmes finalistas, dada a calidade audiovisual (a nivel fotografía, artística, de realización e interpretación) dos filmes presentados.

Agradecemento a todos os participantes da Organización

Queremos agradecer a todos os creadores e produtores que nos remitiron as súas obras para optar a formar parte do ciclo. Moita forza e seguiremos traballando para esta e vindeiras edicións.