Seleccionar página
  • O venres 23 de febreiro ás 19.30h na Unitaria de Santiago de Compostela, despídese a segunda edición de Ficciónate, o primeiro ciclo de cine galego de curta duración que busca amosar os traballos dos novos talentos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa.
  • No ciclo proxéctanse as obras Illa Pedra (protagonizada por María Tasende e Nerea Barros), Einstein-Rosen (Premio Mestre Mateo 2017 á Mellor Curtametraxe de Ficción), Curricán (do director Álvaro Gago, gañador do Festival de Sundance por Matria) e Superpunky, El Musical (apodado o “La la land galego”).
  • O ciclo percorreu diferentes concellos de Galicia proxectando estas obras coa presenza de representantes de cada filme.
  • Posterior ás proxeccións, haberá coloquio con representantes do filme e posterior aperitivo de produtos galegos.
  • Santiago de Compostela é a novena parada dun tour que percorreu diferentes cidades e vilas galegas.
  • A organización do certame xa abriu unha nova convocatoria de recepción de filmes para a terceira edición, aberta ata o vindeiro 23 de febreiro na web de Abella Creativa
  • A entrada terá un custe de 5 € na propia billeteira da sala Unitaria

Despedida dunha segunda edición de cine

O venres 23 de febreiro ás 19.30h na Unitaria, Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego, despide a súa segunda edición. Catro curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Entre un total de 29 filmes candidatos na fase de presentación, foron seleccionadas 4 obras: Illa Pedra de Adriana Páramo, Einstein-Rosen de Olga Osorio, Curricán de Álvaro Gago e Superpunky, El Musical de Pablo Cacheda.

I edición de Ficciónate 2016. O comezo do ciclo de cinema

Na primeira edición deste ciclo, foron un total de nove localidades as que acolleron as proxeccións das obras Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary. Estas curtametraxes viaxaron en 2016 a Illa de Arousa, Negreira, Sarria, Pontevedra, Ferrol, Santa Comba, Burela, San Sadurniño e A Coruña.
Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación. Ademáis, para finalizar un aperitivo de produtos galegos, ofertado pola organización con empanadas, queixos, chourizos e viño.

Os filmes da II edición deste certame de curtametraxes galegas

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Illa Pedra é unha curtametraxe de Adriana Páramo protagonizada por María Tasende e Nerea Barros que aborda o tema de emigración. Con tintes autobiográficos, a directora cóntanos a historia de Antía, quen deixa a súa terra e a súa mellor amiga Iria séntese traizoada. Einstein-Rosen de Olga Osorio (premiada en diversos festivais e gañadora do Premio Mestre a mellor curtametraxe 2017) narra a historia de dous irmáns, que, no verán do ano 1982 aseguran atopar un buraco de verme. Pola súa banda, Curricán de Álvaro Gago, narra as aventuras de Xoan Curricán na mariñeira Vilanova de Arousa, a súa vinculación co mar e o quefacer diario dun rapaz de aldea co seu avó e irmán. E dado que este ano os musicais están en plena efervescencia grazas ó fenómeno “La la land”, o musical Superpunky pecha a selección desta nova edición de Ficciónate. Protagonizado por Antea Rodríguez e Sabela Arán e coas notas musicais dos grupos Priscila e Monoulious DOP. Unha selección diversa en canto a temática, xénero e concepto audiovisual.

Máis información: venta de entradas e colaboradores

As entradas xa están disponibles á venda na propia billeteira da Sala Unitaria.
Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa en coprodución con MT Producciones e coa colaboración de Adega Terra Brava, Pazo de Anzuxao, Ingapan, Casa Neiras e Fontecelta.