Seleccionar página

O xornalista de Mogor, Carlos Prado Pampín, presenta na Illa de Arousa, un documental sobre a Antártida

O traballo audiovisual, Homes de xeo, conta a vida de tres persoas galegas no polo sur a bordo do buque Hespérides.

O xornalista e realizador audiovisual Carlos Prado Pampín presenta o vindeiro sábado 11 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal da Illa de Arousa, o documental Homes de xeo: galegos na Antártida, unha obra rodada no polo sur durante a súa viaxe a bordo do Hespérides o pasado mes de febreiro.
O autor de Marín estivo na Antártida como enviado especial da La Sexta Noticias, canle de televisión na que traballa dende hai 10 anos, para realizar unha serie de reportaxes sobre o cambio climático e as súas consecuencias no continente de xeo. Froito da viaxe, naceu a idea de rodar un documental propio. “Cando comprobei que o barco estaba cheo de galegos, tanto mariños coma científicos. Entón tiven a ocorrencia de rodar como viven os nosos paisanos o día a día nun entorno como é a Antártida dentro dun barco durante 6 meses”, conta Carlos Prado.
O documental Homes de xeo, narra, a través da experiencia e as voces de tres galegos, o xefe de cociña do barco, un científico, e o patrón de embarcacións do Hespérides, como é a vida na Antártida, o traballo que alí desempeñan, as marabillas que agocha o polo sur, a morriña que senten a 15.000 quilómetros da casa, ou as consecuencias do cambio climático, entre outros temas. “Pretendo que todos coñezamos e valoremos un pouco mais a vida dos galegos en alta mar, como é o seu traballo entre o xeo, o que pensan e senten, e o mesmo tempo quero amosa-la importancia que ten a Antártida para a saúde do planeta e como o quecemento global comeza a afectar a esta paisaxe. Todo a través dos ollos de tres galegos”, explica o reporteiro de Marín.
As condicións especiais da Antártida, onde o xeo, o frío, os animais salvaxes, os glaciares, as tormentas… están á orde do día, provocan que a convivencia no buque de investigación oceanográfica Hespérides sexa “máis intensa e próxima, cun gran compañeirismo entre a tripulación, coma unha gran familia que traballa unida. O ambiente a bordo do buque é fantástico, dende o  primeiro momento no que subín ao barco, sentinme coma na casa”, asegura Prado Pampín. E non é para menos, entre a tripulación do Hespérides da campaña Antártica 2016/2017, Carlos Prado atopouse con dous veciños de Marín e unha decena de galegos.
O pase do documental será no Auditorio Municipal da Illa de Arousa onde intervirá o propio autor, Carlos Prado Pampín. A entrada ten un custe de 2 €.
Entre os traballos máis coñecidos de Carlos Prado Pampín atopamos a curtametraxe de ficción Vellas, protagonizada pola avoa de Carlos e por unha veciña de Mogor. A curta foi finalista dos Premios Mestre Mateo 2008 na categoría de curtametraxe de ficción e finalista no festival de Cans 2008 (O Porriño).
Carlos Prado tamén é o realizador da curta-documental “A mano o a máquina”, un traballo que viralizou nas redes sociais e superou o millón de visitas. Amosa a simpática conversación de dúas xubiladas galegas (de novo a súa avoa Malita e a súa veciña Aurita) sobre as novas tecnoloxías nunha fonte de Mogor, mentres lavan a roupa a man.
Prado Pampín tamén conseguiu o Premio internacional BEFESA de xornalismo medioambiental 2016 polo seu traballo nas novas da Sexta televisión.