Seleccionar página

Lois Blanco Araúxo estrea online o seu primeiro filme titulado Fálame do silencio

O director e dramaturgo Lois Blanco Araúxo presenta este filme galego centrado nas dificultades que ten a xuventude actualmente para atopar e construír un futuro.

  • O martes 19 de setembro estreouse online a curtametraxe de ficción Fálame do silencio.
    Protagonizada por Daniela Rodas e Mateo Franco, foi rodada en Pontevedra nunha intensa xornada de 15 horas no verán de 2015.
  • A obra trata a inestabilidade e frustración da xuventude á hora de enfrontarse á realidade actual, e como isto afecta ás relacións de parella.
  • Tras máis dun ano e medio de percorrido internacional en festivais e mercados audiovisuais, da man do programa Shorts from Galicia 2016 e a distribuidora Jóvenes Realizadores, e tras máis de unha ducia de pases en Galicia, o filme xa está disponible na rede.

Lois Blanco xa ten debaixo do brazo a súa primeira cinta audiovisual. Tras dirixir e interpretar dous espectáculos teatrais e presentar diferentes libros de poemas e de relatos, o director e dramaturgo galego presenta o seu primeiro filme: Fálame do silencio.

Trala estrea oficial do filme en salas, o 30 de xaneiro de 2016 en Cinema Númax de Santiago de Compostela (Concepción Arenal, 3), o director e guionista Lois Blanco, publica online a súa ópera prima.

A obra destaca polo exquisito coidado da estética e da concentración da acción nun só escenario, así como na forza interpretativa dos dous protagonistas. Formados na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia), ambos contan cunha traxectoria prometedora. Mateo Franco, actualmente asentado en New York, formado na Escola John Strasberg que continúa a presentar novos espectáculos, e Daniela Rodas, actriz en máis dunha decena de obras teatrais, diferentes curtametraxes e webseries, e modelo para marcas de roupa.
Os protagonistas interpretan a unha parella enclaustrada nunha situación da que non atopan saída, tanto na súa relación, coma na súa situación laboral. En palabras do director: “trátase dunha reflexión sobre unha situación xeracional, a das persoas que están tentando saír ó mundo laboral. Nace da preocupación de “non ver saída”, da frustración de buscar unha estabilidade e non saber ou non poder conseguila”.

Fálame do silencio está producida por Condetrespés, coa coprodución de Abella Creativa, o patrocinio de Restaurante O Dezaseis e A Senra Raíña, e coa colaboración de Trípede, EPC e Alfonsín Digital Lab.