Seleccionar página

Pedro Brandariz convértese en Peter Brandon

Pontevedra acolle a estrea na cidade da webserie Peter Brandon,
producida polos laureados “Porco Bravú”

  • Peter Brandon preséntase o xoves 14 de setembro ás 20.30h no Teatro Principal con entrada libre ata completar aforo.
  • Trala estrea mundial no Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, no que gañaron a pasada edición o premio a mellor proxecto e a presentación na Coruña, nun ateigado Teatro Colón que rexistrou cheo, chega á cidade do Lérez a nova produción para a rede dos creadores de “El Método Sueco”, o Premio Mestre Mateo a Mellor Serie Web dous anos consecutivos e premios en festivais de todo o país.
  • Unha comedia con tintes dramáticos protagonizada por Pedro Brandariz, un cómico galego que loita a contracorrente por cambiar un destino inevitable.
  • Posterior ó evento, haberá un aperitivo para os asistentes no café-pub “El pavero”.

Peter Brandon é o novo proxecto da firma coruñesa Porco Bravú. Os gañadores do Mestre Mateo en 2015 e 2016 voltan cunha comedia protagonizada polo cómico Pedro Brandariz na que satirizan o sector audiovisual galego a través duns personaxes inadaptados. Cun reparto cheo de caras coñecidas como Xosé Touriñán, Evaristo Calvo, María Tasende, David Amor ou Isabel Risco (entre moitos outros) a serie amosa a vida dun cómico fóra dos escenarios.

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá a presentación deste proxecto audiovisual o vindeiro xoves 14 de setembro ás 20.30h. Pontevedra foi unha das localizacións da rodaxe desta webserie durante o mes de febreiro deste ano, amosando lugares representativos como a Praza da Ferraría e a Igrexa da Peregrina.
Cun estilo falso documental a serie conta o cambio que está a vivir Pedro que, farto do seu traballo, decide emprender un novo camiño cunha nova identidade para facerse co público novo. Pedro Brandariz é agora Peter Brandon e loita por acadar o seu soño de presentar un late night en Galicia. O guionista do proxecto, Óscar Cruz, desexou tamén amosar e gravar na súa cidade natal, co apoio do Concello de Pontevedra, a Pontevedra Film Commission e a colaboración da hostelaría local como o Hotel Comercio. Recoñecidos escritores e xornalistas como Rodrigo Cota, contan co seu cameo no proxecto.
Jorge Boquete (director), Javi Lopa (productor), Óscar Cruz (guionista), Dani Graña (director de fotografía) e Diego Bouzón (xefe de sonido) forman o equipo técnico desta nova webserie, galardoada xa como Mellor Proxecto no Carballo Interplay 2016.
Unha comedia con tintes dramáticos con claras referencias nas series de Louis CK ou Ricky Gervais e cun ton pouco habitual no noso audiovisual forman a aposta de Porco Bravú pola innovación neste formato.