Seleccionar página

O ciclo de cinema de verán galego Ficciónate presenta
a súa segunda edición en Sarria

    • O sábado 15 de xullo ás 22.00h na Praza da Vila de Sarria preséntase Ficciónate, o primeiro ciclo de cinema de curta duración que busca amosar os traballos dos novos talentos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa.
    • No ciclo proxéctanse as obras Illa Pedra, Einstein-Rosen (Premio Mestre Mateo 2017 á Mellor Curtametraxe de Ficción), Curricán (Premio do Festival de Cans en 2015) e Superpunky, El Musical (apodado o “La la land galego”).
    • O ciclo percorrerá diferentes concellos de Galicia proxectando estas obras coa presenza de representantes de cada filme.
    • Sarria é a terceira parada dun tour que percorrerá diferentes cidades e vilas galegas como Malpica, Pontevedra, Oleiros e Fisterra entre outras
    • A entrada será totalmente gratuita. Posterior ás presentacións, haberá un aperitivo de produtos galegos.

O sábado 15 de xullo ás 22.00h na Praza da Vila de Sarria arrinca Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego. Catro curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Entre un total de 29 filmes candidatos na fase de presentación, foron seleccionadas 4 obras: Illa Pedra de Adriana Páramo, Einstein-Rosen de Olga Osorio, Curricán de Álvaro Gago e Superpunky, El Musical de Pablo Cacheda.
Na primeira edición deste ciclo, foron un total de 9 as localidades que acolleron as proxeccións das obras Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary. Estas curtametraxes viaxaron en 2016 a Illa de Arousa, Negreira, Sarria, Pontevedra, Ferrol, Santa Comba, Burela, San Sadurniño e A Coruña. Nesta nova edición, a Organización prevé que este número de concellos aumente e o ciclo continúe en expansión trala fantástica acollida na primeira edición.

Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación. Para finalizar cada evento, haberá un aperitivo cortesía de Adega Terra Brava, Pazo de Anzuxao, Ingapan, Casa Neiras e Fontecelta.

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Illa Pedra é unha curtametraxe de Adriana Páramo protagonizada por María Tasende e Nerea Barros que aborda o tema de emigración. Con tintes autobiográficos, a directora cóntanos a historia de Antía, quen deixa a súa terra e a súa mellor amiga Iria séntese traizoada.

Einstein-Rosen de Olga Osorio (premiada en diversos festivais e gañadora do Premio Mestre a mellor curtametraxe 2017) narra a historia de dous irmáns, que, no verán do ano 1982 aseguran atopar un buraco de verme. Pola súa banda, Curricán de Álvaro Gago, narra as aventuras de Xoan Curricán na mariñeira Vilanova de Arousa, a súa vinculación co mar e o quefacer diario dun rapaz de aldea co seu avó e irmán. E dado que este ano os musicais están en plena efervescencia grazas ó fenómeno “La la land”, o musical Superpunky pecha a selección desta nova edición de Ficciónate. Protagonizado por Antea Rodríguez e Sabela Arán e coas notas musicais dos grupos Priscila e Monoulious DOP. Unha selección diversa en canto a temática, xénero e concepto audiovisual.

Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa en coprodución con MT Producciones e coa colaboración de Adega Terra Brava, Pazo de Anzuxao, Ingapan, Casa Neiras e Fontecelta.