Seleccionar página

Pablo Cacheda estrea a primeira curta musical de Galicia en Coruña e Ferrol

  • O director pontevedrés Pablo Cacheda estrea un novo proxecto audiovisual en Coruña e Ferrol tralo éxito de “Clases de lo social, la webserie”.
  • O proxecto conta no elenco artístico con artistas recoñecidos como Fernando González, Sabela Arán, Antea Rodríguez e Cova Berdiñas.
  • As notas musicais póñenas os grupos galegos Monoulious Dop e Priscila.
  • Tras presentar a obra en Pontevedra, Ourense e Barcelona, “Superpunky” chega a Coruña á Sala Bristol e a Ferrol ó Cafelito de Gloria, este venres e sábado respectivamente.

Superpunky con concerto de Monoulious DOP na Sala Bristol e proxección no Cafelito de Gloria

Este venres 20 ás 22.00h na Sala Bristol d´A Coruña, sito na Rúa Torreiro, número 11, terá lugar a proxección da obra musical “Superpunky”, coa presenza dos principais actores protagonistas, o director da obra Pablo Cacheda e numerosas personalidades do panorama audiovisual galego. Os Mestres de ceremonias serán os Monoulious Dop, que conducirán a gala de presentación desta estrea que estará cargada de humor e de sorpresas e ofrecerán posterior concerto gratuito na sala. Ó día seguinte, sábado 21 ás 20.30h no Cafelito de Gloria de Ferrol, situado na Rúa Sol 199, haberá unha nova proxección con presenza de parte do equipo da obra.

Tralo éxito de dúas temporadas da webserie “Clases de lo social”, coa nominación aos Premios Mestre Mateo e o Premio do Público do Festival Carballo Interplay, Cacheda presenta un proxecto anovador e rompedor. Superpunky é un musical que conta a historia de dúas amigas, Belén e Rebeca que son íntimas desde pequenas. Ambas comparten os mesmos gustos musicais, pero cando van á universidade os seus gustos musicais sepáranse e comezan a aparecer os conflitos. Entre estes conflitos aparecerá Quique, un antigo, neno prodixio e actual cantautor maldito. Un concerto de Quique, varios anos despois de separarse do seu grupo, servirá de eixo da historia.

Ademais de destacar o talento interpretativo, tanto a nivel musical como actoral e técnico, Pablo Cacheda pescuda “crear un proxecto dun xénero case non explotado en Galicia, dun xeito arriscado e innovador”. A obra busca amosar todo o talento musical galego integrado nunha historia de ficción, parodiando un musical convencional.

Unha coprodución de Volvemos a primera e Abella Creativa con múltiples apoios

Superpunky é un produción de Volvemos a Primera e Abella Creativa, co apoio do Concello de Pontevedra, a Pontevedra Film Comission e o IES Sánchez Cantón, e co patrocinio de Cárnicas Lovar, Lois Carrera, Mahou e a colaboración de J. Joaquín, Acuña, Marilyn Pontevedra, Bar Pasaje, O Fogar dos Martínez, Víctor Moledo, Códex Pontevedra, Gadis, Nikis Galicia Style, Trípede, Skandal, Pulpería Ruzo, Cega Audiovisuales e Libraría Paz.