Seleccionar página

Ficciónate, ciclo de cinema galego de curta duración abre convocatoria para participación de proxectos na II edición

Tralo éxito da I edición de Ficciónate, ciclo de cinema galego, onde as catro curtametraxes foron exhibidas en 9 concellos durante o 2016 e catro concellos pendentes de confirmar que estarán en 2017, dende a Organización ábrese un novo ciclo en 2017 para presentar 4 novas obras por toda Galicia.

A continuación, colocamos, tanto neste artigo como en documento .pdf, o formulario de inscrición e as bases da convocatoria deste ano 2017 para participar en Ficciónate.

 

Formulario de inscripción para Ficciónate 2017

Descarga o Formulario de inscrición para remitir por correo electrónico

Bases II Ciclo de cinema galego Ficciónate

Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa que nace da necesidade de prantexar un circuíto alternativo aos festivais e certames habituais, cunha orientación didáctica, instructiva e con vocación cooperativa.
Unha sesión de cinema con diferentes obras e un posterior coloquio cos seus directores, actores, produtores, músicos e diferentes profesionais que fan posible un proxecto audiovisual.

ANTECEDENTES

Na primeira edición deste ciclo de cinema a modo de festival itinerante, foron seleccionadas catro obras de curta duración:

Rancor, de Miguel Morales, producida por MT Producciones.
El Comediante, de Óscar Cruz, producida por Porco Bravú.
Fálame do silencio, de Lois Blanco, producida por Condetrespés S.L.
Unary, de Luis Avilés, producida por Pixel Films.

Durante o ano 2016, celebráronse un total de 9 proxeccións en diferentes concellos repartidos por toda a xeografía galega:

A Illa de Arousa, 12 de marzo
Negreira, 27 de maio
Pontevedra, 10 de xuño
Sarria, 11 de xuño
Ferrol, 29 de xullo
Burela, 14 de outubro
Santa Comba, 15 de outubro
A Coruña, 3 de decembro
San Sadurniño, 30 de decembro

Ficciónate foi unha iniciativa que contou co apoio dos concellos galegos e da Deputación da Coruña para ter unha cobertura de gastos por parte dos representantes dos filmes así como unha percepción económica pola proxección da súa obra.

De cara a unha segunda edición deste evento, a Organización do mesmo convoca o prazo de inscrición e presentación de obras que podan optar a formar parte deste ciclo de cinema que se celebrará a partir do mes de marzo de 2017, cunha duración de 12 meses dende a primeira presentación.

Para unha correcta inscrición, preséntanse as seguintes bases, a través das cales os usuarios terán toda a información precisa para inscribir a súa obra.

BASES DO II FICCIÓNATE: CICLO DE CINEMA GALEGO

1.- Ficciónate é un ciclo de cinema de curta duración onde terán cabida todo tipo de curtametraxes.
2.- As obras presentadas deben ser orientadas para todos os públicos e non conter ningún tipo de contido que fomente a violencia, a discriminación racial, sexual ou de calquera outra índole. No caso de non ser considerada unha obra apta para todos os públicos, deberase indicar correctamente na inscrición.
3.- A duración máxima da obra será de 20 minutos.
4.- A inscrición é totalmente gratuita.
5.- O prazo de presentación da inscrición remata o vindeiro 30 de xaneiro de 2017.
6.- Na ficha de inscrición, os candidatos/as deberán cumprimentar correctamente:
Título da obra
Duración
Cartaz oficial
Ficha técnica
Breve sinopse
Link de descarga do arquivo (vía Wetransfer, Dropbox, Vimeo ou calquera outra plataforma)
7.- Un Xurado realizarase o visionado e será o encargado de levar a cabo o fallo do proceso de selección das obras presentadas.
8.- O Xurado anunciará o seu fallo o vindeiro 10 de febreiro de 2017.
9.- Toda a información sobre o certame estará presente na páxina web: http://www.abellacreativa.com/index.php/o-mel/eventos/ficcionate/

FORMATO DE PRESENTACIÓN DO MATERIAL VIDEOGRÁFICO

As obras deberán ser presentadas en formato .mp4 1080p-H264 para correcta visualización en pantalla cinematográfica.

COMPROMISO DE CONFIDENCIALIDADE A CARGO DA ORGANIZACIÓN

A Organización de Ficciónate comprométese a que todo o material enviado polos candidatos/as non será difundido, promulgado ou distribuido a terceiras fases nin por ningunha das vías de comunicación posibles. Trátase dun material enviado exclusivamente para a súa valoración e avaliación para formar parte do ciclo.

VALORACIÓNS ESPECIAIS

Valoraránse de xeito especial aqueles proxectos que:

Fosen rodados orixinalmente en lingua galega.
Fosen rodados en Galicia e por profesionais galegos.

OBRIGAS DOS SELECCIONADOS

Os representantes dos proxectos seleccionados para este ciclo de cinema terán que enviar unha vez se lles comunique a súa participación, a seguinte documentación:

Datos fiscais da produtora ou profesional autónomo que desenvolveu o proxecto.
Número de conta para realizar os ingresos bancarios pertinentes.
Documentación da obra en formato dixital para inserción na páxina web:
Trailer, sinopse, fotografías, ficha técnica e artística e cartaz promocional.

COMPENSACIÓN ECONÓMICA

A compensación económica por cada proxección oscila entre os 50 e os 150 € (para cada obra), en función da aportación económica que realice a entidade que contrate este ciclo.

Cada proxecto percibirá exactamente a mesma cantidade, levando do seguinte xeito a seguinte compensación:
100% da compensación económica por realizar a proxección e posterior coloquio de presentación dos filmes (cun mínimo de 1 representante por obra presentada).
Deste xeito, abónase a proxección + os gastos derivados da asistencia ó coloquio de presentación.
30% da compensación económica polos dereitos de reproducción/comunicación pública e exhibición da obra.

A participación e inscrición dun proxecto cinematográfico neste ciclo, supón a total aceptación destas bases.