Seleccionar página

Ficciónate en A Coruña

  • Este sábado 3 de decembro ás 19.00h na Fundación Luis Seoane d´A Coruña preséntase Ficciónate, o primeiro ciclo de cinema de curta duración que busca amosar os traballos dos novos talentos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa.
  • No ciclo proxéctanse as obras Rancor (vencedora da Semana Internacional de Cine de Lugo), El Comediante (dos creadores da exitosa webserie El Método Sueco), Fálame do silencio (seleccionada no Short Films from Galicia para mercados internacionais) e Unary (gañadora do Premio Mestre Mateo en 2015).
  • Trala proxección, os representantes de cada filme, manterán unha charla aberta co público asistente e unha tertulia que analizará a actualidade do sector.
  • Burela é a quinta parada deste ciclo, tras ser presentado na Illa de Arousa, Negreira, Pontevedra, Sarria e Ferrol, Burela e Santa Comba e con próximos destinos en breve por confirmar.
  • A entrada é libre ata completar aforo.

A Coruña, 28 de novembro de 2016.  O sábado 3 de decembro ás 19.00h na Fundación Luis Seoane d´A Coruña, preséntase Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego. Catro curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos dous anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Rancor de Miguel Morales, El Comediante de Óscar Cruz, Fálame do silencio de Lois Blanco e Unary de Luis Avilés proxectaranse na vila da Mariña lucense, tras visitar o Auditorio da Illa de Arousa, Casa da Cultura de Negreira, O Museo de Pontevedra, a Praza da vila de Sarria e o Cantón de Ferrol e os auditorios de Burela e Santa Comba.

Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación.

Rancor

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Rancor é a historia de Teo, un rapaz que durante a súa infancia, sofre o maltrato, a desidia e a vexación de mans do seu pai, tendo a súa nai enferma. O pasado sempre volve, e despois de graduarse nos seus estudios, volve ver ao seu pai logo de pasar moitos anos atrás.

El Comediante

Tras este drama, os espectadores disfrutarán do humor de El Comediante, a historia de Óscar, un rapaz que intenta traballar no mundo do humor facendo monólogos e atopa nas pantasmas do pasado, unha fonte de inspiración, ademais de vivir diferentes aventuras e desventuras que o axudan a construir o seu texto.

Fálame do silencio

Tratando temas de actualidade, ante a dificultade da xuventude de non atopar saída ante os problemas laborais e persoais, enténdese o contexto de Fálame do silencio, unha reflexión sobre unha situación xeracional, da preocupación de “non ver saída”, da frustración de buscar unha estabilidade e non saber ou non poder conseguila.

Unary

Por último, a laureada Unary, trata sobre o primeiro día de liberdade de Lucas. Despois de 21 anos en prisión, Lucas enfróntase a un mundo que non coñece, a unha nova vida. Lucas está marcado por unhas rutinas, uns horarios, unha contorna e uns pensamentos que non poderá manter fóra de prisión.

Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa coa colaboración de MT Producciones, Pixel Films e Porco Bravú e o apoio da Deputación da Coruña e da Fundación Luis Seoane